Sainz pai gaña a segunda etapa no Rally de Marrocos

O español Carlos Sainz, dúas veces campión mundial de rallys, impúxose este sábado na segunda etapa do Rally de Marrocos co seu Peugeot 2008 DKR nunha xornada neutralizada polas choivas no km 150 que suscitou críticas de Nani Roma á organización.

A auga deixou impracticables os tramos e a especial viuse neutralizada.

Xunto ao seu copiloto Lucas Cruz, Sainz foi o máis rápido, superando en case un minuto ao catarí Nasser Al Attiyah e en 2:06 ao seu compañeiro de equipo o francés Sébatien Loeb.

"Foi un día caótico", asegurou Nani Roma tras cubrir 170 quilómetros dos 350 de que constaba a etapa. "É un fallo grande da organización o non verificar o estado dos ríos. Tiñan que facer pasar un coche antes da carreira. Logo de fortes choivas, como as caídas hai dous días, todo se complica. Aquí  embárrase todo moito e podíasche quedar atrancado e deixar o coche metido no barro", engadía o piloto de Mini.

 

Comentarios