Carballo e Zas súmanse a Laxe e Vimianzo na oposición á mina

Os concellos coruñeses de Carballo e Zas aprobaron sendas mocións de rexeitamento ao proxecto de explotación de ouro da mina de Corcoesto, polo que se suman así á posición anunciada polos municipios de Laxe e Vimianzo.

Os concellos das comarcas de Bergantiños e Terra de Soneira xa definiron as súas posicións con respecto ao proxecto da multinacional canadense Edgewater na mina de Corcoesto, rexeitado pola Xunta por falta de solvencia financeira e técnica, polo que a compañía continúa buscando investidores para poder cumprir así as esixencias de 27 a 30 millóns de euros de capital

Agora xa son catro os municipios que aprobaron mocións en contra do proxecto, coa unión a Laxe e Vimianzo de Carballo, con once votos a favor de de o goberno de BNG e PSOE, dúas abstencións de Terra Galega e sete en contra do PP; e Zas, onde o goberno nacionalista votou a favor -con oito concelleiros- e abstivéronse os tres representantes populares e os dous de Converxencia Galega.

Os puntos aprobados nas mocións de Carballo e Zas inclúen o "rotundo e definitivo rexeitamento" ao proxecto "por ser claramente prexudicial" en materias "económica, ambiental e para a saúde", ademais de instar "a Xunta que denegue de forma definitiva a autorización de explotación de ouro na mina de Corcoesto" e tamén pide que se prohiba "o uso do cianuro como método mineiro".

Mentres, outros tres concellos gobernados polo Partido Popular -Ponteceso, Coristanco e Cabana de Bergantiños- manteñen a súa posición favorable á explotación desta mina.

Comentarios