Candia: "A notificación de Fiscalía non é para sentirse orgulloso como xestor"

A portavoz do PP lucense considera que o PSdeG perdeu unha "gran ocasión" para explicar "a que se debe o sobrecusto" nas obras da UNED, porque ata o propio fiscal cualifica "como pouco rigoroso e pouco concreto o anteproxecto"

A portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Elena Candia, deixou claro que non pedirá desculpas, como lle esixía o PSdeG, por levar á Fiscalía o sobrecusto das obras para rehabilitar o antigo hotel Miño e destinalo a sede da UNED, ademais de recordar que "a notificación da Fiscalía non é para sentirse orgulloso como xestor".

"Parece difícil de entender que un equipo de goberno senta orgulloso dunha notificación de Fiscalía na que se recoñecen irregularidades e na que se apunta a un sobrecusto na execución dunha obra pública do 110%", afirmou Candia.

Desde o seu punto de vista, "a notificación de Fiscalía, non é para sentirse orgulloso como xestor público", porque "é o momento de explicar, precisamente, cando van terminar esas obras", que xa están fóra de prazo, "o diñeiro que leva investido e por que".

O Partido Socialista, segundo Candia, perdeu este mércores unha "gran ocasión" para explicarlles aos veciños de Lugo "a que se debe o sobrecusto" nas obras da UNED, porque ata o propio fiscal cualifica "como pouco rigoroso e pouco concreto o anteproxecto".

Ademais, ante a existencia de supostas irregularidades na adxudicación e execución desas obras, recordou que "como cargo público" ten a "obrigación" de polo "en coñecemento" da Fiscalía.

"Non é unha opción, é unha obrigación", dixo a portavoz do PP, quen en todo caso negou que pretenda "xudicializar a vida política", porque pola contra presentase unha denuncia".

Ao entregar a información en Fiscalía, buscábase que fosen "analizados comportamentos dubidosos", aínda que ao final non teñan "o alcance de irregularidades penais".

Candia asegurou que tamén "bota moito en falta" que o goberno bipartito "pida desculpas pola xestión que fixeron estes anos do diñeiro público", con "obra pública que multiplicou por moitos díxitos o orzamento inicial".

Comentarios