A caída da folla

NON SEI POR QUE sempre que penso na lectura do xornal vénme á cabeza o formato de papel. Mesmo se penso nesa lectura preguiceira nun almorzo sen présas que ás veces é posíbel no verán. Descoñezo as razóns de tan irreflexiva asociación cando son eu precisamente consumidora de prensa na pantalla do meu pequeno portátil, tamén neses almorzos vacacionais que de cando en cando me presta facer. Será que moitas persoas temos aínda interiorizado o rito de pasar as follas do xornal nos lugares e circunstancias máis diversos e que este segue a ser, malia á popularización das novas tecnoloxías, un obxecto cotián. É por iso polo que, a pesar das inmensas potencialidades da edición dixital, o xornal en papel segue a ter unha ampla influencia na poboación, sexa esta viaxeira do metro, usuaria da biblioteca ou cliente do bar.

Desde hai algún tempo a árbore do xornalismo galego, e sigo a falar das edicións en papel, comezou a perder algunhas das súas follas: Galicia Hoxe, O Xornal de Galicia, os semanarios A Nosa Terra e A Peneira, alén doutras publicacións locais de tiraxe ben máis reducida. As dificultades económicas e a falta de apoios provocaron unha caída da folla extemporánea e persistente que acabou cuns medios que mantiñan, en maior ou menor grao -o xornal compostelá era o único diario publicado integramente en galego-, un compromiso coa lingua e a cultura. A súa desaparición mingua ademais de xeito considerábel a diversidade no eido da comunicación.

Non hai moito que tiña a oportunidade de comentar, nos minutos que me ofrece un programa de traxectoria insólita entre nós como é Diario Cultural da Radio Galega, o libro Lándoas, de Arturo Casas. O volume recolle algún dos posts aparecidos no blog do mesmo nome que se publicou entre os anos 2008 e 2009. A miña conversa abriu as portas ao recordo doutras páxinas, neste caso dixitais, tan visitadas no seu día como o portal Vieiros ou o blog As uvas da solaina, do finado Marcos Valcárcel, tamén caídas. Un golpe seco abriu tamén a portada da nostalxia.

Desde as páxinas do xornal que lle fai un oco ás miñas palabras semana tras semana -e ao que desexo longa vida- non podo deixar de lamentar o desmantelamento e de insistir no que isto supón para o xornalismo (en) galego e para os intereses de Galicia en xeral. As páxinas que diaria ou semanalmente viñan dedicando á cultura de noso quedan agora en branco, como no seu momento quedaron inmobilizadas as de portais e blogs como os mencionados, e todo o debate que durante un tempo xeraron. Contra a caída da folla tan só parece efectivo o compromiso, individual, ben é verdade, pero sobre todo institucional. A contaminación informativa ou a situación que está a vivir a lingua na esfera pública fan urxente a erradicación de semellante praga.

Comentarios