O devastador incendio de Gran Canaria cóbrase á súa primeira vítima mortal

Trátase dunha muller de 60 anos de nacionalidade sueca ► As chamas devastaron case 2.800 hectáreas

O incendio declarado o mércores no cume de Gran Canaria reavivouse este venres na zona de Llanos del Pez, no municipio de Tejeda, polo forte vento, nunha xornada na que se confirmou a primeira vítima mortal.

A conselleira de Sustentabilidade e Seguridade do Goberno canario, Nieves Lady Barreto, informou nunha rolda de prensa de que, a pesar de propagarse 500 metros fóra do perímetro onde se mantiña e queimar unha pequena área de piñeiral e matogueira, o incendio "mantense estable", aínda que xa arderon 2.700 hectáreas. Agora os esforzos concéntranse en Taidía (San Bartolomé de Tirajana), Tejeda e Llanos del Pez (Tejeda), na vertente sur.

O forte vento de primeiras horas desta mañá, con refachos de ata 90 quilómetros por hora, provocou que as chamas se propagasen, pero pouco despois o lume volveuse estabilizar.

O incendio provocou unha vítima mortal, unha muller duns 60 anos de nacionalidade sueca que residía no municipio de San Mateo desde hai anos, cuxo cadáver foi atopado esta mañá a uns 600 metros da súa vivenda, segundo detallou a delegada do Goberno en Canarias, Mercedes Roldós.

O presidente do Cabildo de Gran Canaria, Antonio Morais, indicou que, ao parecer, uns veciños urxiron á muller a abandonar a vivenda, pero ela demorouse por causas que aínda se descoñecen. Nun principio, creuse que a falecida se salvara, xa que había outra persoa estranxeira de características parecidas a ela nun dos recintos onde se aloxou ás persoas evacuadas.

Comentarios