Burela crea un arquivo dixital con 300 imaxes sobre o municipio

Reproducións de distintos lugares de Burela, «de característica industrial, pesqueira, cultural, turística e do entorno, incluídos os seus barrios máis emblemáticos» integran o banco de 300 imaxes creado polo Concello burelense, co fin de ter un fondo suficiente para poder levar a cabo diversas actuacións de promoción, «tanto no eido do turismo, coma da cultura, do comercio ou do deporte», segundo recordou o edil de turismo e comercio, José González Legaspi, autor da idea.

O edil espera que o número de fotos aumente coa edición dunha segunda fase, na que se tratará de recoller instantáneas de eventos lúdicos e festivos máis tradicionais, así como do seu ambiente nocturno.

Coa realización deste arquivo conséguese dotar a Burela «dun recurso necesario para posibilitar a elaboración de material divulgativo», recorda o edil burelense, que con esta medida evitará un gasto nun futuro.

Comentarios