Botín defende o Banco de España e culpa as caixas da orixe da crise

O presidente do Banco Santander, Emilio Botín, defendeu onte o labor do Banco de España, posta en cuestión polo presidente da Comisión Europea, José Manuel Durao Barroso, e asegurou que a orixe da crise financeira en España estaba no modelo de xestión dalgunhas caixas. "Non estou de acordo coas declaracións do presidente da Comisión Europea sobre a responsabilidade directa do Banco de España na crise financeira", asegurou o banqueiro nunha nota remitida a Efe.

Neste sentido, recordou que o supervisor bancario tratou de anticiparse con medidas innovadoras, como as provisións anticíclicas, que esixían ás entidades españolas atesourar un colchón en tempos de bonanza para encarar mellor o futuro. Por iso, na súa opinión, o problema máis que de supervisión estaba no deficiente modelo de goberno corporativo e de xestión que tiñan unha gran parte das antigas caixas de aforros.

Unha afirmación que chega o mesmo día que Durao Barroso afirmou nun curso en Santander que en España "houbo erros moi importantes de supervisión" e deben ser asumido. "Sempre que a Comisión Europea preguntaba ás autoridades españolas como estaba a banca, como estaban as caixas de aforros, xa que había rumores no mercado de que non estaban ben, sempre dicían que todo estaba perfecto", indicaba Durao Barroso.

Unha tese que Botín quixo rebater ao puntualizar que o problema foi o modelo de xestión dalgunhas caixas de aforros, co que marca distancias entre o labor desempeñado polos bancos e o sector das que durante anos foron os seus principais competidores. "E a pesar diso, o custo sobre o PIB do saneamento das caixas en España foi inferior ao da maioría de países europeos, como Irlanda, Grecia, Países Baixos, Portugal e Reino Unido", sentenciou Botín.

Comentarios