Galicia, en alerta por frío debido á chegada da borrasca Filomena

As temperaturas na montaña lucense alcanzarán os -7ºC

Sete comunidades, entre elas Galicia, permanecerán este xoves en alerta por frío ou neve ante o avance dunha borrasca moi profunda que a Axencia Española de Meteoroloxía (Aemet) denominou Filomena, que deixou xa mínimas históricas e que fará que a situación empeore a partir de mañá. 

A Aemet prevé temperaturas mínimas de ata 9 graos baixo cero no val de Liébana en Cantabria e de -8 en Asturias, nas zonas suroccidental e Picos de Europa, mentres que nas montañas de Lugo e Ourense alcanzarán os -7 e -6 respectivamente. 

Os primeiros efectos de Filomena, que avanza polo Atlántico, sentíronse xa en Canarias en forma de temporal de vento —con refachos xeneralizados de 70 a 80 quilómetros por hora—, mar —ondas de 4 a 5 metros— e choivas, e prolongarase ata o sábado. 

PREVISIÓN. En canto á previsión para Galicia, os ceos estarán pouco nubrados ou despexados, con algúns intervalos de nubes baixas na metade norte.

Non se descarta algunha choiva débil e dispersa no litoral ao norte de Fisterra e algunha bruma matinal no terzo norte de Lugo, máis probables no nordeste.

As temperaturas manteranse con poucos cambios. Haberá xeadas débiles xeneralizadas, máis intensas en zonas de montaña do sueste. Vento frouxo do leste e nordeste, algo máis intenso no litoral.

Temperaturas mínimas e máximas nas cidades galegas
A Coruña  1º  10º

Ferrol  0º  10º

Lugo  -1º  5º

Ourense  1º  7º

Pontevedra -1º  11º

Santiago de Compostela  -1º  8º

Vigo  1º  12º

Comentarios