BNG e PSOE abren un proceso para gobernar en Monforte en coalición

Tomé Roca sirve agua a Severino Rodríguez al inicio de la reunión. (Foto: Toño Parga)
photo_camera Tomé Roca sirve agua a Severino Rodríguez al inicio de la reunión. (Foto: Toño Parga)

Os socialistas monfortinos apoiarán o sábado a investidura do nacionalista Severino Rodríguez como alcalde. Así comezará o seu terceiro mandato, aínda que a estabilidade do seu goberno queda pendente, pois o respaldo do PSOE local correspóndese coas directrices marcadas pola formación socialista para asegurar gobernos progresistas, pero con vistas a un entendemento na repartición de áreas ou ao negociar proxectos. Así llo comunicou onte o líder monfortino do PSOE, José Tomé Roca, a Severino Rodríguez nunha reunión que ambos mantiveron no parador a instancias do nacionalista.

Rodríguez e Tomé levantáronse da mesa co compromiso de reunirse todas as veces que fixese falta despois do sábado, e sen data límite, para traballar para alcanzar un goberno de coalición, aínda que os dous saben que deben adoptar unha decisión canto antes para delimitar tanto as áreas de goberno como da oposición. Tomé recoñeceu que os monfortinos deben saber canto antes a composición do novo goberno, aínda que tamén insistiu en dicir que non se debe expor unha negociación con présas». A maiores, dixo entender que «o nacionalista, por ser o máis votado, debe marcar o ritmo, pero non demorar máis do necesario».

Sen declaracións

Do seu lado, Severino Rodríguez non quixo facer ningunha declaración fóra dun comunicado que remitiu o BNG, no que só se informou, do mesmo xeito que o venres pasado, da súa proposta dun pacto entre todas as forzas políticas, redactado pola fronte e denominado Acordo de Compromiso con Monforte. Ésas son as bases sobre as que se postula para seguir á fronte da alcaldía monfortina.

A reunión durou unha hora e media e celebrouse con «cordialidade», segundo Tomé, e «cun ambiente distendido e construtivo», dixo o Bloque. Severino Rodríguez entregou a Tomé o texto do Acordo de Compromiso, que o venres desvelou á representante do grupo municipal do PP, Julia Rodríguez, e despois falouse de abrir a negociación.

Tomé mostrou a súa disposición a asumir os 15 postulados do manifesto de intencións sobre Monforte dos nacionalistas e recalcou a Rodríguez que no caso de chegar a un acordo de coalición entre BNG e PSOE, a «lealdade e o traballo por crear emprego están garantidos por encima de todo».

Chantada e A Pobra, tamén en minoría

A composición das corporacións de Chantada e A Pobra non se saberá definitivamente ata o sábado, aínda que non se esperan cambios sobre as previsións. Gobernarán as listas máis votadas en minoría por non estar previsto ningún pacto. Na Pobra, nacionalistas e socialistas falarán, pero nada máis. Os últimos apoiarán a investidura de José Luís Maceda, do BNG.

Traspaso de poder

En Chantada, o independente Manuel Varela ocupará a alcaldía en minoría. Antes do sábado espera coñecer detalles de como está o Concello, gobernando ata agora por unha coalición entre PSOE e BNG.

Comentarios