Un palacete polémico

BNG e PSdeG denuncian o uso de Meirás para exaltar a figura de Franco

Os nacionalistas pedirán no Parlamento unha lei galega de memoria histórica que "prohiba e persiga" os actos de exaltación do franquismo
Pazo de Meirás
photo_camera Pazo de Meirás

Varios partidos políticos galegos denunciaron este martes os intentos da familia de Francisco Franco de utilizar o Pazo de Meirás (Sada, A Coruña) para exaltar a figura do ditador.

A Fundación Francisco Franco, que xestiona nos últimos meses a visita a ese edificio, utilizado pola familia do exdictador como residencia de vacacións, indicou nun comunicado a súa intención de "mostrar ao gran público a grandeza da figura de Francisco Franco" ás persoas que visitan esa propiedade.

O palacete de Meirás, que pertenceu á condesa de Pardo Bazán, foi comprado aos seus herdeiros en 1939 por un grupo franquista, e o conxunto completouse posteriormente con terreos contiguos, como "agasallo do pobo" ao ditador, aínda que nos últimos anos é o centro de disputas políticas e xudiciais por parte da familia Franco coas autoridades.

O Tribunal Supremo desestimou en 2010 un recurso presentado por Carmen Franco Polo, a filla do antigo xefe de Estado, contra a declaración da Xunta de ben de interese cultural, unha sentenza que implicaba a apertura ao público do edificio catro días ao mes, aínda que o seu cumprimento foi obxecto de todo tipo de obstáculos por parte dos herdeiros do ditador.

O BNG pide unha lei para evitar "apoloxía da ditadura" no Pazo de Meirás e o PSdeG califica de "provocación" o intento da familia por enxalzar a figura de Franco


O PSdeG-PSOE cualificou este martes de "insulto, burla e provocación" á cidadanía as pretensións da familia de Franco de utilizar o Pazo de Meirás para exaltar a figura do ditador.

A portavoz parlamentaria de Cultura do PSdeG, Concepción Burgo, anunciou nun comunicado a presentación de dúas iniciativas ante a Cámara autonómica para pedir que "sexan reprobadas todas as declaracións" da Fundación Franco que "enaltecen a figura do ditador" e a "utilización do Pazo de Meirás para a exaltación dunha figura culpable do asasinato de miles de persoas".

Burgo critica "o ton empregado, o vocabulario utilizado e a absurda manipulación histórica" por parte da citada Fundación e cualifica de "inadmisible" o comunicado emitido. Ademais, exhorta á Xunta a manifestar a "oposición do Goberno galego a que esa fundación xestione as visitas ao Pazo de Meirás" e reclama á Xunta que advirta á fundación de que "non pode utilizar as visitas para enaltecer a figura do ditador".

O BNG tamén anunciou iniciativas similares no Parlamento de Galicia para pedir unha lei galega de memoria histórica que "prohiba, persiga e sancione" os actos de exaltación do franquismo e ás entidades que os promovan. Entre as iniciativas do BNG figura unha que pide "unha condena pública" do uso da propiedade por parte da Fundación Franco "por apología da ditadura e do ditador".

Comentarios