Besteiro: "Fraga fixo moitísimo máis polo galego que Feijóo"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou  que o presidente fundador do PP, Manuel Fraga, fixo "moitísimo máis" pola lingua galega na súa etapa á fronte do Goberno da Xunta que o actual mandatario autonómico Alberto Núñez Feijóo.

"Hai que saber se realmente o presidente Feijóo segue sentindo que o galego é algo moi importante, algo esencial, algo estrutural do noso país que hai que defender, protexer e impulsar en todos os ámbitos", dixo Besteiro.

En declaracións á prensa nos corredores do Parlamento, o líder dos socialistas galegos emprazou a Feijóo a reformular as políticas en materia lingüística.

"Falta por ver se o presidente Feijóo cambia de posición ou simplemente é un novo cambio cosmético. Veremos o que fai o novo conselleiro, porque na sorte e no éxito do conselleiro, da política lingüística, vainos a todos moito", indicou.

A defensa do galego e a potenciación do idioma "é unha parte esencial do discurso socialista", segundo Besteiro.

"Esa cuestión é absolutamente prioritaria para o Partido Socialista, pero ten que vir da man dun Goberno que mostre cos feitos que efectivamente estea decidido a investir a situación que se viviu nestes últimos seis anos", concluíu.

Comentarios