Besteiro: ''O traballo para depurar o censo compostelán foi intensísimo''

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou que o seu partido fixo "na última semana" un traballo "intensísimo" para depurar o censo da agrupación socialista de Santiago de Compostela e, aínda que recoñeceu que si se detectaron algunhas irregularidades, a súa incidencia "é moito menor do que se dicía nun principio".

En declaracións aos medios de comunicación antes de participar nun acto institucional como presidente da Deputación de Lugo, Gómez Besteiro afirmou que a dirección galega fixo un ''traballo exhaustivo e depurado" para detectar as suposta irregularidades no censo e comunicarllas á estrutura federal do partido. "Ese traballo intensísimo na última semana, de depuración dese censo, fíxose e fíxose con rigor. Creo que o PSdeG fixo os seus deberes en Galicia", insistiu.

Segundo Gómez Besteiro, o PSdeG fixo un proceso absolutamente aberto e ao observar algunha posición que podería ser irregular, o que fixo foi asumila e controlala "con rigor". De feito, Besteiro quixo felicitar expresamente ao instrutor dese procedemento interno, porque fixo un traballo exhaustivo nun informe de máis de vinte folios, que agora será remitido á estrutura federal, porque é a que ten que tomar as decisións. En todo caso, incidiu en que todo o que se dicía sobre supostas "duplicidades" ou "pisos patera" para inflar o censo é "falso". "Detectamos unha serie de irregularidades nalgunha afiliación, pero en todo caso, moito menor do que se dicía nun principio", concluíu.

Tamén aproveitou para arremeter contra o Partido Popular na capital galega, porque o próximo alcalde será investido por persoas que non foron elixidas nas eleccións locais de 2011, un feito que, ao seu xuízo, é moi "grave".

Comentarios