Besteiro: ''O militante vaino agradecer''

O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, insistiu en que "sen candidatos" para liderar o PSOE "non hai primarias", polo que insistiu en recomendar "a experiencia galega" e a actitude que exhibiron os aspirantes á secretaría xeral do PSdeG, que deron un paso á fronte cando aínda non se sabía cal ía ser o método de elección.

"Sempre recomendo a experiencia galega", dixo Gómez Besteiro, quen tamén asegurou que é un "convencido" da "máxima, un militante, un voto". En todo caso, tamén quixo deixar claro que "sen candidatos" tampouco "hai primarias", polo que volveu reclamar "ese paso á fronte incondicionado" por parte daqueles compañeiros do seu partido que aspiren a liderar o PSOE.

No caso de Galicia, afirmou que o exemplo non se circunscribe só á celebración de primarias, senón tamén "á actitude" de aspirantes á secretaría xeral do PSdeG, á que se presentaron dous candidatos -el mesmo e Manel Vázquez- cando aínda non se sabía "se ía haber un congreso ou unhas primarias". "Iso é o que eu reivindico, ese paso incondicionado", precisou Besteiro. Besteiro pediu "compromiso e "decisión" por parte dos aspirantes, porque "o militante vaino a agradecer".

En canto aos nomes que se barallan para substituír a Alfredo Pérez Rubalcaba, Besteiro non quixo pronunciarse a favor de ningún. "Eu non teño pensado ser. Polo tanto, non me vou a pór de portavoz de ninguén, pero quen queira selo ten que facer como fixen eu en 2013, dar un paso á fronte", precisou. Ao seu xuízo, hai que acabar con ese "moverme ou non en función de se me interesa" e de tácticas preconcibidas, porque iso "é o que condena o militante".

En canto aos prazos para a convocatoria dese proceso de sucesión, evitou definirse e limitouse a dicir que os ten que marcar o propio partido".

Comentarios