Besteiro di que o PP quere ''atarse á cadeira'' coa reforma electoral

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, considera que a proposta de reformar a lei electoral para que goberne nos Concellos a lista máis votada non é máis que un intento do Partido Popular de atarse "á cadeira do Goberno", ante o temor "a perder" as próximas eleccións municipais.

Gómez Besteiro fixo estas declaracións aos medios de comunicación logo de participar nun acto institucional como presidente da Deputación de Lugo. "A sensación que percibe a cidadanía é que o Partido Popular cre que vai perder as eleccións", subliñou Gómez Besteiro, quen se preguntou se neste momento os populares prefiren "apostar polo regeneracionismo" na política ou "por atarse á cadeira de Goberno". Ao seu xuízo, o Partido Popular opta por atarse "á cadeira de Goberno" e a súa proposta "non resulta moi crible neste momento".

En calquera caso, opina que, con respecto a este asunto, tamén hai que "mirar cara á Constitución, que é a que marca a orientación do sistema" político en España, cun modelo "parlamentario" e "non presidencialista". "Non empecemos a casa polo tellado. Isto soa a que o PP ten medo que haxa outras formas de gobernar distintas e o que intenta, no canto de corrixir as formas de gobernar, é buscar as vías para seguir atado á cadeira do Goberno. Isto é o que a cidadanía percibe e esta operación resulta pouco crible". De feito, Gómez Besteiro cre que se trata tamén da reacción dos populares aos resultados das eleccións europeas, que marcan "o profundo rexeitamento que hai ás políticas do Partido Popular e da dereita". "Por moito coro que fagan, a cidadanía xa sabe de que vai isto", insistiu, e que "responde a un interese do Partido Popular" por tratar de perpetuarse no Goberno.

Comentarios