Beiras teme que nazan 'lobbies' en Anova que fracturen o partido ao estilo do BNG

O portavoz parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e cabeza visible de Anova teme, horas despois de que os críticos deste último grupo dixesen que se constituirán en corrente interna, a creación de lobbies polo poder que deriven nunha fractura parecida á vivida no BNG.

"As lecturas distintas non teñen por que cristalizar en grupos políticos que se enfronten uns con outros coma se fosen lobbies pola repartición do poder. Se iso é así, é un vicio, e entón, un grave perigo. Quen faga iso será responsable. Sempre loitei contra iso e sigo loitando", dixo nunha entrevista emitida pola Radio Galega.

O veterano político nacionalista, que mañá cumpre 78 anos, admitiu que en Anova hai "correntes e grupos organizados" pero dixo que non deben ser en ningún caso faccións que configuren unha especie de "crebacabezas" como pasou no Bloque, "porque acabaremos como o Bloque precisamente", cando Anova é un "proxecto común" que debería ser asumido por todos aínda con lecturas distintas porque loxicamente "non somos todos iguais".

O principio básico, apuntou, debe ser a cooperación "e nunca a competición", polo que é necesario que as dinámicas "de confrontación" acaben.

¿Como? "Eu non teño unha variña máxica. Ninguén sobra en Anova" e caben "todos, críticos, non críticos, cunha liña ou con outra. Para iso están as organizacións democráticas, para que haxa crítica interna", pero sen perder de vista que Anova é unha escola de nova cultura política, "un proceso paulatino" que, ou sae, "ou os cidadáns do común" pedirán contas.

Consultado pola opinión do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, que afirma que hai militantes descontentos que están a volver ao Bloque, Beiras, con sarcasmo, comentou que o Bloque "pode facer o que queira", "eu non son do Bloque. Sempre respecto a libre decisión das organizacións políticas. O que se faga honestamente desde o BNG paréceme ben, o que se faga deshonestamente a xente sensata castigarao, nada"máis .

Así, indicou que el traballa para facer política, "non para facer enredos políticos nin intriga, e iso é o fundamental".

Comentarios