Barreiro resalta os beneficios para A Mariña da reforma da Lei de Costas

O presidente provincial do PP de Lugo, Xosé Manuel Barreiro, explicou este venres que tanto o Senado como o Parlamento de Galicia veñen de asumir as iniciativas do grupo popular para que a inminente reforma da Lei de Costas recoñeza desde un punto de vista urbanístico os núcleos rurais do litoral.

O líder dos populares lucenses valorou a importancia desta proposta nunha rolda de prensa ofrecida en Viveiro. Alí explicou que a reforma da Lei de Costas servirá, entre outros obxectivos, para revisar os criterios de deslinde marítimo-terrestre para protexer a determinados asentamentos do litoral, nacidos hai décadas ao abeiro de núcleos tradicionais mariñeiros e nos que, a pesar de contar cunha urbanización propia dos solos urbanos, non son clasificados como tales pola normativa estatal vixente por atoparse nun entorno rural.

Engadiu que son múltiples estes núcleos tradicionais, pequenas vilas e aldeas que se sitúan en Galicia no borde xusto do mar, e que constitúen un reflexo dun modelo tradicional e dunha especificidade propia do urbanismo galego. No caso da Mariña lucense, Barreiro mencionou o núcleo de Rinlo en Ribadeo e espazos rurais e costeiros como os de Portocelo en Xove, San Cosme de Barreiros e Reinante ou Rueta-Fontao en Cervo.

Comentarios