Barcia dará explicacións mañá aos pais dos alumnos da SD Burela

O alcalde de Burela, José María González Barcia, manterá mañá unha reunión cos pais dos nenos que participan nas escolas deportivas da SD Burela para explicarlles a decisión do equipo de goberno de non conceder subvencións ás asociacións culturais e aos clubs deportivos para este ano.

O rexedor local burelense quixo recordar que «hai uns días anunciouse que non ía ser posible conceder ningún tipo de subvención para os clubs deportivos tendo en conta a situación económica pola que atravesa o Concello a día de hoxe». Barcia aclarou que esta non «é unha decisión que nos guste, nin a min como alcalde nin ós compañeiros, pero é unha decisión que hai que tomar porque o que non podemos facer é prometer que logo non podemos cumprir. E ante isto hai que ser serios e actuar con rigor».

O alcalde burelense, no entanto, non pecha as portas a que nun futuro si que haxa subvencións para entidades deportivas e culturais, tal como explicoullo nunha reunión ao presidente da SD Burela, José García. «Ser capaces de xenerar ingresos adicionais haberá axudas para todos, pero sempre que se cumpra esta condición», aclarou Barcia.

O rexedor local espera que nesta reunión os pais entendas os motivos que levaron ao Concello a tomar esta decisión «aínda que non os compartan».

Temporal

O Concello burelense o que si que quere deixar claro é que esta medida ten un carácter temporal, e que en canto se poida volveranse a conceder subvencións aos clubs deportivos e ás asociacións culturais. O rexedor local quixo comparar esta decisión coa do apagado de parte da iluminación urbana. «Non nos gusta tomar esta decisión, pero non podemos esquecer que os ingresos para 2012 baixan moito», sinalou Barcia.

Comentarios