lunes. 17.01.2022 |
El tiempo
lunes. 17.01.2022
El tiempo

Barcia colidera un movemento para apartar á UPG da dirección do BNG

«O galeguismo e o nacionalismo político do século XXI ao servizo da Cidadanía Galega». Ése é o nome completo do manifesto redactado por un total de 19 alcaldes do Bloque Nacionalista Galego de toda Galicia que contén unha serie de ideas e propostas que, basicamente, expoñen un cambio de rumbo total nesta formación política. A adopción desas teses necesariamente implicaría que a UPG, a formación ata o momento maioritaria dentro do Bloque, quedaría apartada da dirección do partido. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, é un dos grandes impulsores e defensores deste sector crítico coa dirección do seu partido. Dentro deles hai outro mariñán, o mindoniense Orlando González, aínda que na presentación pública do manifesto, un dos tres que interveu foi o rexedor ribadense.

O espírito co que expoñen as medidas, segundo explica o propio Fernando Suárez, é «moi claro», e é que baixo o seu punto de vista o BNG «estase apartando pouco a pouco dos intereses xerais da cidadanía, e perder iso, en realidade perdémolo todo».

Estes 19 alcaldes adscríbense a distintas correntes internas dentro do propio BNG, todas elas minoritarias en comparación coa UPG, pero que no caso de que conseguisen facer unha fronte común, esa maioría histórica da Unión do Pobo Galego podería racharse.

Ao ser todos eles rexedores locais, no seu manifesto recordan que as súas respectivas ideas e experiencias nos seus municipios «non fracasaron», pero tampouco se mostran excluíntes porque din querer «tender pontes de irmandade política». Ademais, deixan clarísimo o que pretenden realmente para o futuro do BNG: «conquistar a hexemonía política, vocación última do nacionalismo galego».

Barcia colidera un movemento para apartar á UPG da dirección do BNG
comentarios