Barcia afronta con ''responsabilidade'' o futuro de Ribadeo

Un dos grandes vencedores das eleccións locais do domingo na Mariña, o candidato do BNG en Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, que obtivo a maioría absoluta con sete concelleiros, manifestou a súa «gran alegría» polos resultados, pero ao mesmo tempo recoñeceu que para el supón «unha gran responsabilidade porque temos que gobernar de xeito diferente, polo ben de todos os ribadenses, os que nos votaron e os que non».

Suárez Barcia, que recoñeceu estar algo apabullado polo éxito obtido, xa que conseguiu subir tres concelleiros, agradeceu a confianza dos ribadenses e o traballo desenvolvido pola súa candidatura. Agora indicou que unha das súas primeiras liñas de traballo será sacar adiante o Plan «Xeral porque xa non hai escusas», aínda que tamén anticipou que «seguiremos contando con todos os grupos».

O alcalde reelecto anticipou que «a pesar de que teñamos maioría absoluta, quero seguir traballando coa mesma humildade que nos levou a estes resultados e convocar ós grupos a reunións para sacar adiante cuestións importantes».

O éxito do BNG propiciou un desastre absoluto do PSOE cuxo candidato, Eduardo Gutiérrez, xa presentou a súa dimisión e puxo a súa acta a disposición do partido «porque non é escurrir o vulto, é asumir que eu son o cabeza de lista e polo tanto o principal responsable duns resultados que son moi malos». Gutiérrez falou con claridade dunha «derrota sen paliativos».

Outro partido moi prexudicado foi a Unión do Pobo Ribadense (Upri), un grupo independente liderado por Francisco Rivas que onte recoñeceu que os resultados foron malos. Nunha semana ou así reunirémonos para plantexarnos a ver que facemos».

No PP, Manuel Valín tamén cualificou de «malos» os resultados, pero anticipou que «seguiremos traballando por Ribadeo».

Comentarios