Bao: o bipartito da Deputación ''non corre perigo''

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antón Bao, asegurou este martes que o goberno bipartito desta institución provincial "por parte do BNG, non corre ningún perigo".

Bao sostivo que "a Deputación está a facer un excelente labor para impulsar todos aqueles proxectos que se fixaron no acordo de goberno", polo que rexeitou que estean xustificadas as dúbidas expresadas polo conselleiro de Presidencia en funcións, o socialista José Luís Méndez Romeu.

"O goberno está a cumprir os seus obxectivos e cos cidadáns da provincia e creo que iso significa que funcionamos de forma cohesionada aínda sendo dúas forzas políticas distintas", afirmou o dirixente nacionalista, quen destacou que se puxeron en marcha materias comúns que se están desenvolvendo".

O tamén responsable comarcal do BNG subliñou o modelo "co que se traballa na Deputación de Lugo e é perfectamente válido". "O goberno está en perfecto estado de saúde e debemos continuar neste traballo", aseverou.

Respecto diso das palabras de Méndez Romeu, quen considerou que o PSOE debería distanciarse do BNG con vistas ás eleccións municipais, Bao incidiu en que o seo socialista "necesitan aclararse dunha vez e ter en conta que non se pode inculpar do que ocorreu o 1 de marzo a outras forzas políticas".

O vicepresidente provincial lamentou esta actitude que supón "dar a razón ao PP e ás súas manifestacións puramente partidistas, que o que pretenden é desacreditar unha acción de goberno que foi beneficiosa para Galicia, aínda que tivese erros".

Comentarios