Bankia recorre a sentenza que lle obriga a devolver unha vivenda poxada

Bankia presentou un recurso contra a sentenza ditada por un xuíz de Barcelona que lle obriga a devolver a unha veciña de Gavà (Barcelona) unha vivenda que desafiuzara e poxara pola falta de pagamento de cinco mensualidades dun préstamo hipotecario. Aínda que o xuíz considera que a poxa do piso se baseou en cláusulas abusivas, na primeira decisión xudicial deste tipo que se produce en España, unha portavoz da entidade bancaria asegurou a Efe que o banco "cumpriu perfectamente coa normativa vixente".

O recurso presentado pola entidade bancaria baséase precisamente en que o procedemento de execución hipotecaria "seguiu escrupulosamente a legalidade e normativa vixente", segundo a portavoz. A sentenza ditouna o maxistrado do xulgado mercantil número 3 de Barcelona, José María Fernández Seijo, o mesmo que elevou unha cuestión prexudicial ao Tribunal Superior de Xustiza da UE e que conseguiu que este tribunal condenase a normativa hipotecaria española por permitir cláusulas abusivas.

O maxistrado de Barcelona aplicou na súa sentenza a doutrina do tribunal europeo e declarou o dereito da veciña de Gavà María Ángeles G.C. "a recuperar a propiedade e a posesión do inmoble que foi obxecto de poxa", e condenou ao banco a pagar as costas do procedemento xudicial.

A muller, que ten 57 anos e está en paro, hipotecou a súa casa en 2004 para avalar un préstamo de 100.000 euros á súa filla e ao seu xenro, que tiñan que devolver en 30 anos a Caixa Laietana, agora Bankia, pero o banco instou o desafiuzamento e poxa porque non puideron pagar cinco mensualidades, que ascendían a uns 2.500 euros.

Amparándose no fallo do TSXUE, o maxistrado di na súa sentenza que, aínda que incumprir as mensualidades pode dar lugar ao vencemento anticipado, "a falta de pagamento de cinco cotas respecto do total pactado supón incumprir un 1,38% do total de prazos pactados".

"Cuantitativamente, o atraso afecta a unha porcentaxe moi reducida dos compromisos económicos e a demora de 5 mensualidades tampouco pode considerarse grave se se ten en conta que os prestatarios proxectaban pagar en 30 anos e ademais que a falta de pagamentos se producen nun contexto económico do país extremadamente grave", argumenta a sentenza.

O xuíz tamén reprocha á entidade bancaria que obviar que a vivenda era a habitual da nai da prestataria e non da parella que pediu o préstamo, o que impediu que a muller puidese satisfacer os 2.500 euros que debían de mensualidades, "unha cantidade ridícula se se pondera que a falta de pagamento podería determinar a perda da vivenda", di o xuíz.

Comentarios