Axiña! Hai que levala ao Hula Hoop!

f San Froilán 2013OI XA BASTANTE tarde, cando escoitaban a Charo Reina na praza de Santa María. A Vanesa encarouse cunhas rapazas desprecatadas que berraban non sei que cousas, seguramente despois de pasar unha mala noite por inxesta de rabos. De cienfalópodo.

-A min tampouco me gustades vós e non vou por aí facendo o ridícalo! - díxolles ela moi farruca.

-Terma do conto e pensa no teu estado! - advertiulle Pelúdez.

A muller faille caso, pero ao volver canda a familia, sen poder evitalo, escorda un nocello e cae no chan coma un saco:

-Ai! Cago no bulbo raquítico! E non fun abrazar a terra onde máis duro está o pavimento?

-Que pasou, pombiña das Arieiras? - corre ao seu carón o Peludeciño - Por que te ves abaixo coma o Medrí de Lanceloti?

-Véñome abaixo porque caín. Ou pensas que son unha arrastrada?

-Axiña! Hai que levala ao Hula Hoop! - ordea Pelúdez como dicindo que el sabe o que facer nestes casos.

-Que alguén chame a unha ambulancia! - colabora a Filomena.

-E por que non a chamas ti? - rifa o seu home.

-Porque é o que din en todas as pelínculas e funciona.

E así foi. Outro espectador moi amable tira de móbil e dá parte do incidente. Ao pouco tempo, unha unidade medicalizada irrumpe na praza, baixan dous enfermeiros, collen a muller e súbena ao coche, sen máis demora.

-Podemos acompañala? - pregunta Filomena.

-Non, señora. Só doentes.

-É que me doe o trixémino.

-E a min os riles.

-E a min...

O da ambulancia non sabe o que dicir, pero pra desabotoar o conflito, deunos licenza a todos, e aló que subimos os oito, contando que o can Lugh tamén viña con nós.

-Esta ambulancia recórdame moito a Cataluña - comenta Pelúdez despois de arrancar, apertado como estaba entre o desfibrilador e a Filo.

-E logo?

- As dúas son como o camarote dos irmáns Mas.

-Anda, cala; que a grávida pode poñerse máis grávida aínda.

Daquela noite pasada polo Hula Hoop, como lle di Pelúdez, porque é hospital e é Hula, chegamos á actuación dos alumnos do Conservatorio de Danza, na porta de Santiago. Vanesa manéxase nunha cadeira de rodas que lle impuxeron pra evitar que apoie o pé.

-Polas chagas do Noso Señor! Cando poderei beilar eu coma elas?

-Nunca! Xa non o facías antes, vas facelo despois do contusionismo...! Si, ho! - desenganouna o sogro.

-É ben desagradable! Non sei como non fixo oposicións a verdugo!

-Como vai a enquisa pra elixir o nome da filla? - pregúntolle eu ao xeito de mudar de conversa.

-Non sei. Teño que mirar a páxina (http://elprogreso.galiciae.com/nova/281914), porque antes do Hula só me puxeron que a chamara Amy Westinghouse, como a cantante, e a min sóame a fregorífico.

Pra compensarlle ao Járrison o tempo que pasou no Hula, levárono ás clases de cociña, ao Bestiario Extrafalario e ás barracas. O avó estivo rumboso e mercoulle entradas en todos os estaribeis e boletos en todas as tómbolas que hai.

Nunha no que o tomboleiro canta iso de que sempre toca, o home recoñece á familia doutros anos e ofrécelles dous sobres ao prezo dun.

-Veña, trae pracó dez.

-El gran Pelúdez, señores! El gran Pelúdez quiere que le toque el helicóptero!

- Se pode ser un Opel Morsa, moito mellor.

Pero non. Foi o helicóptero. Un aparello enormismo que fai as ledicias do cativo e que o pon en funcionamento de contado, pra que voe por riba da nai, sentada como está na súa cadeira.

Ela comeza a bracear e berrar. O can, a ladrar. O avó a rir. A Reborita, a chorar. A Filo, a choutar e o pai, a perseguir o pícaro, de tal xeito que todo o feiral préstalles máis atención que ao pallaso do Teatro Argentino.

-Sacádeme o becho de enriba, que semella un enxame de avésporas chinesas!

As dúas son como o camararote dos irmáns Mas

Comentarios