Autorizada a conversión en xeriátrico dunha queixería de Vilalba abandonada

Los edificios de la quesería abandonada (Foto: MANCEBO)
photo_camera Los edificios de la quesería abandonada (Foto: MANCEBO)

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, vén de outorgar ao centro residencial O Rañego SL, a autorización da comunidade autónoma en solo rústico, para a rehabilitación dun edificio, que en tempos foi queixería, para destinalo a residencia asistida de persoas maiores.

As instalacións atópanse nunha parcela de 10.935 metros cadrados, no lugar de Penas Corveiras, na parroquia de Sancovade, no concello de Vilalba.

O obxecto de intervención é a rehabilitación, adecuación da contorna e cambio de uso da edificación, dedicada no seu día a actividades do sector lácteo e que na actualidade, atópase en estado de abandono. Trátase da antiga Queixería de San Simón, edificación, segundo a Xunta, "de singular valor arquitectónico inaugurada en 1951 que deu orixe a denominación do mesmo nome". Tras as obras de acondicionamento, o seu próximo uso será un centro de maiores de iniciativa privada, co conseguinte beneficio e mellora urbanística para a zona.

Segundo explica a Xunta, para desenvolver o novo uso é preciso conservar os volumes anteriores ás ampliacións realizadas a partires do ano 1970, que son as que teñen un valor tradicional e de singular interese arquitectónico–industrial e demoler todos aqueles volumes posteriores, que desvirtúan a tipoloxía industrial con valor arquitectónico.

Comentarios