Un lugar privilexiado e único no que instalar unha casa portátil

A autocaravana convértese no fogar de moitos campistas na tempada estival

Viaxar coa casa ás costas é unha opción para pasar o verán, sen as ataduras dos hoteis. A Chaira e As Pontes contan con cinco áreas específicas para este medio de transporte
Paco Garrido, Rosenda Ruiz, Nieves Sánchez e Ángel Sánchez, na área de Guitiriz
photo_camera Paco Garrido, Rosenda Ruiz, Nieves Sánchez e Ángel Sánchez, na área de Guitiriz

As vacacións vívense de maneiras moi diferentes: uns optan polo avión para chegar ás antípodas; outros polo barco, facendo paradas nos lugares costeiros máis emblemáticos e outros prefiren decidir eles onde, como e cando facer un alto no seu camiño. Por isto, durante as pontes festivas ou o periodo de vacacións estival, intensifícase a presenza da autocaravana en tódalas estradas.

Tanto se é de paso cara a outro destino como se é para quedar durante uns días, As Pontes e a Terra Chá son lugares elixidos para estacionar ese fogar con rodas e gozar do que estas zonas ofrece a quen as visita, así como pola situación na que se atopan xeograficamente con respecto a outros puntos de interese turístico. Na actualidade existen cinco áreas municipais dirixidas ao seu asentamento, e mesmo unha delas xa funciona antes de ser inaugurada oficialmente.

No concello de Guitiriz foi habilitada no ano 2011 unha zona que conta con tódolos servizos que se requiren, xa que se atopa preto do centro urbano da localidade. A pernocta, o subministro de auga e electricidade ou o baleirado de augas residuais está garantido. «Se debería ampliar, ya que el área de Guitiriz es un lugar muy agradable para quedarse», contan catro autocaravanistas canarios. Así mesmo, agradecen a ampla oferta que presenta Galicia, xa que «por otros lugares de España es más difícil encontrar terrenos habilitados para las autocaravanas, lo que dificulta el viaje», comentan, xa que Galicia conta con 102 puntos dispoñibles, a maioría deles públicos. Un punto máis ao seu favor é a proximidade co balneario guitiricense, un dos lugares máis visitados do municipio.

O Campo da Feira de Vilalba tamén serve de estacionamento para os autocaravanistas dende hai catro anos. O paso da autovía A-8 pola localidade, que minimiza as distancias coa Mariña lucense, así como ser o corazón da Terra Chá, fan que sexa parada de moitos no seu camiño.

Igual que as decenas de aves que paran na Lagoa de Cospeito, os que viaxan neste medio tamén ven este espazo natural como o sitio idóneo para descansar e gozar das vistas que presenta, así como os centos de especies de fauna e flora que nela se hospedan. O aproveitamento deste espazo natural único, integrado na Rede Natura 2000 de Galicia, respectando cada un dos seus recunchos, é a mellor maneira de dar a coñecer este lugar. Xa que como di o presidente da Asociación Galega de Autocaravanas (Aga), Paco Pena, «é unha maneira como calquera outra de facer turismo, e cada vez son máis os que se unen ao autocaravanismo».

Aga foi constituída no ano 2006 e na actualidade xa conta con máis de 540 socios e 1.600 persoas, «unidos para reivindicar e potenciar o colectivo fronte ás interpretacións subxectivas das administracións públicas», recalca o presidente da agrupación, que se constitúe como a máis grande de España.

Ao ano, este grupo de apaixoados pola casa de catro rodas organizan arredor de 20 eventos que ateigan as localidades nas que se celebran. Así sucede co motivo de inauguracións dalgunhas áreas, que conseguen reunir a centos de autocaravanistas «que tamén deixan algo da súa economía neses lugares», afirma Paco.

E As Pontes tamén conta coa súa propia zona para autocaravanas. Unha localidade con máis interese turístico a medida que pasa o tempo, a partires da creación do lago e da súa praia, pero que tamén serve como parada no camiño de cara a outros lugares, como a costa coruñesa.

«Temos que darlle máis sona ás posibilidades que ofrece Galicia, que son moitas, máis alá do ano Xacobeo, organizando ben ese turismo», recalca Paco Pena.

Comentarios