A Audiencia absolve a un samonense condenado por resistencia á autoridade

O home estaba acusado de gritar e insultar aos axentes e "ameazou con matalos" nun establecemento hostaleiro de Sarria

A Audiencia Provincial de Lugo absolveu a un veciño de Samos que fora condenado como autor dunha falta de resistencia á autoridade.

Os feitos producíronse en 2013, cando axentes da Garda Civil dirixíronse a un establecemento hostaleiro de Sarria, tras recibir unha chamada da Policía Local informando de que noutro negocio do municipio unha persoa levaba toda a mañá molestando á xente e aos donos do local. Cando os efectivos acudiron no lugar e se achegaron ao home coa intención de identificalo, este "comezou, con evidentes síntomas de estar baixo a influencia de bebidas alcohólicas, a gritarlles e insultarlles", recolle a sentenza da Audiencia.

Segundo figura nesta, chamou gordo a un dos axentes e comezou a "ameazalos con matalos, chegando a levantar unha cadeira coa intención de golpealo". Por estes feitos foi condenado polo xulgado de Sarria a unha pena de dez días de multa cunha cota diaria de seis euros.

O acusado presentou un recurso ante a Audiencia, que foi estimado. Alega que a sentenza condena ao home como autor dunha falta de desobediencia á autoridade, pero do relato de feitos probados inférese que se trata dun suposto de desobediencia a gardas civís que non ostentan a condición de autoridade, senón de axentes da autoridade. Ademais, a reforma do Código Penal despenalizou os feitos axuizados.

Comentarios