Arrinca a restauración do tramo urbano do río Támoga en Cospeito

A Confederación do Miño-Sil dispón de 37.000 euros para uns traballos que estarán terminados no prazo dun mes

A Dirección Xeral da Auga, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), iniciou os traballos de restauración e limpeza do río Támoga no tramo urbano que discorre pola zona do Curral, no municipio de Cospeito, que sufriu importantes afeccións polas crecidas do primeiro trimestre do ano.

O investimento previsto para esta actuación supera os 37.000 euros e o prazo de execución é dun mes. O obxectivo destas obras, declaradas de urxencia polo Consello de Ministros, é a eliminación dos obstáculos presentes no leito do río e a limpeza de maleza, restos vexetais e residuos sólidos presentes nun tramo de aproximadamente tres quilómetros.

Os traballos, que efectuará unha brigada forestal de seis operarios, consisten na corta e retirada das árbores caídas, secas ou enfermas presentes na canle e que orixinaron un importante tapón no azud do muíño da Acea. Tamén se procederá á roza de ambas as marxes para eliminar a vexetación herbácea e arbustiva invasora e á poda da vexetación de paso que impide o acceso e tránsito polas ribeiras, para aumentar a capacidade de desaugadoiro do propio río.

Tamén se dará solución ao esborralle e á erosión das marxes con técnicas de bioenxeñería. Ademais, os restos de vexetación retirados serán triturados 'in situ', agás os grosos, que se ofrecerán aos veciños para o seu uso doméstico ou transportados a un vertedoiro autorizado.

Comentarios