Ares considera que o obxectivo de ETA é estar presente na campaña electoral

O conselleiro vasco de Interior, Rodolfo Ares, considerou hoxe que o único obxectivo da entrevista a portavoces de ETA que hoxe publica o diario Gara é "estar presente na campaña electoral".

"Non vou contribuír a amplificar esa entrevista e pido aos representantes dos partidos políticos e das institucións que fagan o mesmo", destacou Ares en declaracións aos medios de comunicación tras asistir a un foro de debate en Bilbao.

Engadiu que nunha campaña electoral teñen que ser protagonistas as formacións políticas que se presentan aos comicios, polo que tamén instou aos medios de comunicación a que non contribúan "ao obxectivo da entrevista".

Os portavoces da organización terrorista afirman, segundo publica Gara, que están dispostos a falar do desarmamento e "a adoptar compromisos na lóxica solución de todas as consecuencias do conflito".

Comentarios