Arde unha vivenda no Barqueiro sen que se produzan danos persoais

Os seus ocupantes non estaban na casa cando se iniciou o incendio nunha habitación
Vecinos, Guardia Civil y los bomberos en la extinción del fuego de O Barqueiro
photo_camera Vecinos, Guardia Civil y los bomberos en la extinción del fuego de O Barqueiro

Un incendio calcinou as plantas superiores dunha vivenda unifamiliar en Porto do Barqueiro, no concello de Mañón, aínda que afortunadamente non hai que lamentar danos persoais ao non atoparse os seus ocupantes na casa nese momento. "Foi algo difícil, pasaban as laparadas dous metros por encima do tellado das outras casas", comenta o responsable de Protección Civil do concello mañonés.

O lume iniciouse cara a unha menos cuarto da tarde no segundo piso, supostamente na habitación dun dos ocupantes, un home xubilado. "Polo que dicían alí os veciños, suponse que puido empezar por un corticircuito ao lado da cama onde durmía o home", que non estaba nese momento na casa do mesmo xeito que o seu fillo, que "estaba no mar". A familia dispón doutra vivenda no Barqueiro e algúns dos seus integrantes residen no Vicedo.

A vivenda está situada no casco do Barqueiro, onde "están as casas pegadas unhas con outras e ás do lado chegoulles bastante calor porque comparten vigas e xa empezaban a arder as puntas na parede, aínda que dentro das casas non houbo problema ningún", relatan desde Protección Civil. O alcalde de Mañón, Alfonso Balseiro, comentou que durante a tarde seguiuse vixiando especialmente unha das vivendas contiguas "porque saía algo de fume", pero asegura que "non se viu afectada".

Os veciños tiveron un papel moi activo na extinción do incendio nos primeiros momentos, mentres non se ían sumando o resto de efectivos que máis tarde completaron o despregamento. "A xente do pobo estaba a apagar con mangueiras ata que chegaron vos bombeiros de Viveiro. Despois viñeron os das Pontes e despois os Ges de Ortigueira", relatan desde Protección Civil de Mañón, que acudiu coas dúas motobombas do Concello coruñés.

A central de urxencias do 112 recibiu á unha menos cuarto o aviso do incendio, pero non foi ata media hora despois cando se mobilizou aos bombeiros de Viveiro. "Chamáronnos a nós e aos bombeiros das Pontes porque ao parecer os que estaban alí quedaban sen auga, cando non podían facer nada, e cando chegamos o lume levaba tirando moito tempo e a casa xa ardera completamente. A planta onde se iniciou ou incendio estaba totalmente colapsada e xa non quedaba resto de ningunha estancia, era imposible intuír o que había alí", comentan desde o parque comarcal de Viveiro, e engaden que polo menos puideron evitar que o lume se propagase ás vivendas anexas.

Os bombeiros vivarienses recordan que Mañón non está asignado a ningunha zona de cobertura de parques de bombeiros e que en todo caso "a xurisdición é dos das Pontes", aínda que traballaron de xeito conxunto na extinción.

Comentarios