Arquivadas as dilixencias contra o ex presidente de Portos pola piscifactoría de Rinlo

O xulgado de instrución número 2 de Santiago de Compostela sobreseu e arquivou as dilixencias previas por un suposto delito de prevaricación ambiental do ex presidente de Portos de Galicia José Manuel Álvarez-Campana pola tramitación da piscifactoría de Rinlo (Ribadeo).

Diso informa o PP provincial nun comunicado, no que recorda que estes feitos se remontan ao ano 2005, cando o actual secretario de Organización deste partido na Coruña exercía como director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

O auto, feito público este venres, considera que "non foi posible determinar a máis mínima implicación do imputado" nos feitos investigados e "que se puido acreditar que Álvarez-Campana asinou a resolución en base a un informe final non elaborado por el", sinala o PP coruñés.

Nun comunicado, Álvarez-Campana congratúlase "de que se esclareceron os feitos", á vez que agradece "o apoio e a confianza" dos seus compañeiros de partido.

Comentarios