Aprobado o decreto que regula a ordenación e xestión dos montes

O Goberno galego aprobou o decreto que regula os mecanismos e instrumentos de ordenación e xestión forestal no monte galego.

A partir do ano 2019 non se permitirán os aproveitamentos as explotacións que non teñan instrumentos de ordenación e xestión forestal, incluídas as tallas para a venda de madeira.

Con este decreto, indicou en conferencia de prensa o xefe do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, a Xunta establece e regula cales son eses instrumentos con antelación suficiente, para que logo ninguén poida dicir que non sabía nada, dixo.

En Galicia apenas o 10 % da superficie forestal está ordenada e só o 8 % ten un certificado de sustentabilidade.

Este decreto establece que as superficies inferiores a 15 hectáreas poderán subscribir un documento de adhesión expresa a un modelo de boas prácticas, que proximamente será publicado pola Consellería.

Segundo o presidente galego, será beneficioso desde o punto de visto administrativo, comercial, económico e fiscal, xa que os propietarios non necesitarán autorización dos distintos departamentos para facer unha actuación, senón que bastará con notificala, xa que virá regulada no seu instrumento de ordenación.

Ademais, facilitará a obtención do certificado de sustentabilidade, que é necesario para vender madeira e achegará un selo de calidade.

Tamén será preciso contar un instrumento de ordenación para poder optar a axudas europeas do Feader a partir de 2020, destacou Núñez Feijóo, que dixo que os que se acollan a estas medidas poderán acceder a exención do IBI e tamén do cómputo do ingreso do IRPF por subvencións obtidas con cargo a fondos públicos.

Comentarios