Anulada a licenza a Cosmos para explotar en Triacastela a canteira próxima a Cova Eirós

O xulgado atende o recurso da Asociación Cultural O Iribio contra o Concello, que prevé recorrer o fallo

O xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo anulou a licenza outorgada en 2014 polo Concello de Triacastela a Cementos Cosmos para explotar a canteira de Vilavella, en cuxas inmediacións se atopa a Cova Eirós, un xacemento arqueolóxico que conserva as primeiras evidencias de arte rupestre paleolítico do noroeste peninsular.

O fallo atende ao recurso da Asociación Cultural O Iribio contra unha decisión da alcaldesa, Olga Iglesias (PP), de xaneiro de 2015 pola que desestimaba a reposición presentada contra a resolución que outorgaba a licencia meses antes. Ademais, obriga a pagar as costas do procedemento ao Concello de Triacastela ata un máximo de 600 euros. Ante este fallo cabe recurso de apelación a presentar nun prazo de 15 días, algo que o Concello fará. 

A Xunta puxo en marcha en maio o proceso para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Cova Eirós, onde ata agora foron identificados un total de 13 paneis con arte rupestre con un total de 93 motivos que se concentran na gran sala da cavidade e na galería este. Ademais, a recuperación de máis de dez mil rexistros e pezas confirmaron á Cova Eirós como un dos xacementos de referencia para o estudo da evolución dos modos de vida, da tecnoloxía, da fauna e das condicións paleoclimáticas das comunidades de cazadores e recolectores que viviron en Galicia hai 40.000 anos.

Comentarios