Ángel Currás: ''A súa inocencia quedou suficientemente probada''

O alcalde de Santiago, Angel Currás (PP), expresou hoxe a súa confianza en que durante o xuízo por prevaricación contra sete dos seus concelleiros do equipo de Goberno queda probada a súa inocencia.

Ao termo da vista, o alcalde, que acudiu ao xuízo en solidariedade cos edís, dixo que están "moi confiados todos os concelleiros", e que se atopan "loxicamente cansados" tras unha xornada xudicial tan longa, "pero temos esperanzas" en que a sentenza lles sexa favorable.

Para Currás, "quedou suficientemente" demostrada a inocencia dos procesados "e acábolles de trasladar que deben estar tranquilos, e que cando sexa, pois haberá unha sentenza; esperamos todos que sexa absolutoria". Sobre se vai chamar o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, indicou que "xa estará informado e valorarémolo".

Preguntado polo custo político do xuízo, indicou que todos os procesos deste tipo teñen un custo de imaxe pero "eu espero que para ese problema a sentenza absolutoria sexa o contrapunto".

Mentres, a portavoz do Goberno local, María Pardo, procesada nesta causa, dixo estar cansa e considerou que no xuízo quedou "sobradamente" demostrada a súa inocencia e non quixo cualificar a actitude da fiscalía, que mantén a petición de inhabilitación.

Preguntada polas súas manifestacións á entrada ao xuízo, momento en que dixo estar "encabuxada", indicou que o que dixo sempre é que se considera inocente e que os sete edís "non deberiamos estar aquí sentados", razóns polas que lle molesta ter que explicar que actuou con ética. Pardo, que se recoñeceu unha persoa "quente", sinalou no entanto estar "contenta e feliz" de que a xustiza "sexa rápida".

Comentarios