''O Mundial gañouno a España que nega a autodeterminación e prohíbe linguas''

''Á metade dos españois deberíalles dar vergoña que España gañe o mundial de 2010''. É a frase máis suave que compón un polémico artigo escrito por Sergi Cristóbal Jané, un mozo militante de CiU cuxas liñas se deron a coñecer por ser albergadas e asumidas no visitado blogue do senador do PNV Iñaki Anasagasti.

Baixo o título de Pidan perdón os afeccionados da Selección, na bitácora danse razóns para esixir unha desculpa daqueles que celebraron o gol de Iniesta que lle deu a vitoria á Vermella en Sudáfrica: "por historia, porque se exaltou a patria do tiro na caluga, porque gañou o Estado de pandereita, o dos paseos, o do maior índice de paro da Unión Europea e o de maior fracaso escolar e maior consumo de cocaína do mundo''.

O mesmo artigo deu para denunciar as celebracións da Praza de España e Sants, admitindo que os afeccionados ignoran que "a bandeira do touriño --o símbolo español que logo matan--, do papagaio ou de calquera exemplo 'rojigualdo' representan un ataque a unha nación que lles deu para comer", e asegurando que a vitoria de España é a vitoria "da grande e libre, a que se alimenta de Euskadi e Catalunya, a que nega procesos de autodeterminación, prohibe linguas e mata pobos".

Segundo o artigo do mozo militante de CiU difundido o blogue de Anasagasti, a metade da afección debe pedir perdón por apoiar "unha ditadura que se cargou a unha España que anos antes si chegou á final do Mundial de Italia, a España republicana", da que recorda que conseguiu tal mérito "moito antes que a actual", que non puido facelo, sostén quen asina a entrada na bitácora, "ata que chegou o Pep Team", en referencia a Josep Guardiola e ao Barça.

E anticipándose a quen vai criticar a súa opinión por mesturar deporte e política, Sergi Jané sostén que ambos foron sempre da man e que os seguidores da Selección española deberían explicar que son senón política lemas como 'Yo soy español, español, español' ou 'Puyol, enano, habla castellano'.

Comentarios