Ana María Martínez: ''Creamos unha web para ofrecer paquetes turísticos todo o ano''

Ana María Martínez.
photo_camera Ana María Martínez.

 É unha das novas caras do goberno municipal de Ribadeo. Recoñece que ten un feixe de proxectos que se complican coa crise, pero que é o mesmo para todos. Está tratando de unir ó comercio local na procura de iniciativas comúns e está a piques de acadar o seu obxectivo.


foi unha das sorpresas da lista do BNG por ocupar un dos chamados ‘postos de saída’. Agora traballa tratando de sortear a crise económica nunha delegación coma desenvolvemento local, sempre cinguida ó eido económico. E ademais ten turismo, o auténtico motor de Ribadeo.

Ribadeo segue sendo especialmente coñecido pola praia das Catedrais. Plantéxase como aproveitar o fluxo incesante de visitantes que ten ese areal?

Si claro, é unha das cousas que nos traen de cabeza. Estamos buscando alternativas que ofrecer á xente que chega alí para achegalos a Ribadeo. Unha vía coa que estamos a traballar, por exemplo, é a do turismo ornitolóxico, no que me atopei sorpresas coma que a ría, que ten un feixe de proteccións ambientais e recoñecementos como zona de protección de aves, resulta que non está dentro do ámbito de turismo ornitolóxico en Turgalicia, algo que quero corrixir. Logo está o aspecto gastronómico que tamén penso que ten grandes oportunidades, e temos en cernes de momento un proxecto ambicioso ó redor do Ribadeo Indiano que pode ser moi importante pola propia importancia desa herdanza que temos e que case todo o mundo que nos visita de fóra descoñece case por completo.

Desa xente de fóra, que lle contan na oficina de turismo?

Este verán estívose na cifra dos 30.000 visitantes na oficina. Eso é unha auténtica barbaridade. Fixemos un control bo e vemos que nos veu moita xente de Madrid e Valencia, de Castela, e tamén de Asturias, pero máis que nada pola proximidade. En canto ó estranxeiro, hai moito alemán, inglés e dos países do leste de Europa e, por certo, o Camiño Norte é tamén unha fonte de afluencia importante de visitantes para a municipalidade de Ribadeo.

Unha das cousas que Ribadeo ten que ofrecer ó visitante é sen dúbida a súa hostalería, desde sempre algo desunida. Pódese facer algo en conxunto co Concello?

Temos ideas importantes para traballar con eles, algún proxecto xa en marcha e incluso a piques de comezar a funcionar xa definitivamente. Trátase de implicalos nunha páxina web que os vai incluir a todos, hoteis e restaurantes, para traballar conxuntamente de xeito que ofrezan paquetes turísticos durante todo o ano. A base da idea é a xa vella de que en Ribadeo fai falla desestacionalizar o turismo. Nós pensamos como se pode facer iso e sacaremos adiante esta iniciativa que ten como punto de partida que Ribadeo ofreza durante o ano diferentes actividades e se converta nalgo así como un centro de congresos. Non falo de grandes congresos, senón que ó mellor se poden facer cousas máis modestas nas que os nosos hoteis e restaurantes se poden implicar facendo pequenos paquetes de prezos conxuntos que nos axuden a chegar a esa desestacionalización que, de momento, a verdade, estamos lonxe de acadar.

E que resposta está atopando?

Pois de momento teño que dicir que nesa páxina van participar todos os de Ribadeo. Están moi implicados e ilusionados coa idea. E é que tamén hai que pensar os tempos que estamos vivindo. Hai unha crise moi forte e están abertos a novas iniciativas que os podan axudar.

Como concelleira de desenvolvemento local terá algo que dicir do polígono industrial, que parece que non acaba de arrancar.

Pois agora hai algo máis de movemento. Hai doce empresas traballando, pero non hai que esconder a realidade e é que se están atopando cos problemas derivados da crise económica, así que neste caso facemos o que podemos prestándolles a axuda que está ó noso alcance, pero non é sinxelo porque se misturan problemas de financiación nos que non podemos facer nada de nada desde o Concello. Pero tamén é certo que recibimos algunha oferta nova para instalarse alí.

PROMOCIÓN
«A asistencia ás feiras vaise valorar individualmente e sempre cun gasto mínimo»

a promoción turística de Ribadeo en feiras vai vivir unha remodelación importante.

Como se plantexan a promoción nas feiras ás que soían acudir?

Seguiremos indo a Fitur. No resto das feiras, xa veremos. Analizaremos a situación unha a unha, pero o réxime vai ser totalmente diferente.

En que senso?

Para empezar, se hai representación municipal, acudirei eu a título persoal, é dicir, sen pasar ningún tipo de custe ó Concello, e non haberá representacións doutros partidos. Ribadeo non vai ir a ningunha por si só, sempre será a través doutras fórmulas.

Que actividade ten agora mesmo a ADL?

Ofrecemos información a xente cun perfil bastante marcado: xente de 30 a 40 anos que busca información, axuda e vías de financiación para montar un negocio porque está sen traballo. Tamén se lles presta apoio xurídico e seguemos coa bolsa de emprego municipal, pero hai moi pouca oferta de traballos na actualidade.

Comentarios