Amplían a procura de Oliva López ata Riotorto

Un helicóptero volveu sobrevoar a serra de Meira sen resultados, mentres se espera que se una ao operativo a unidade canina de Madrid
Búsqueda de Oliva López en Murias
photo_camera Búsqueda de Oliva López en Murias

O dispositivo de procura que leva traballando catro xornadas sen descanso para localizar a Oliva López Tella, a octoxenaria que desapareceu da súa casa de Murias, en Seixomil (Meira), o pasado luns, ampliouse este venres a varios municipios limítrofes, entre eles Riotorto ou Ribeira de Piquín.

"Hoxe ampliouse aínda máis a procura por toda a parroquia de Seixosmil, e por lugares doutros concellos que limitan co noso. Imos tratar de que non quede ningunha zona por revisar", dixo o alcalde, Antonio de Dios, quen estivo en todo momento en comunicación directa coa Garda Civil para intentar achegar a Meira todos os medios posibles.

Este venres, do mesmo xeito que xa ocorreu na segunda xornada de procura, desprazouse ata o lugar un helicóptero, que sobrevoou durante varias horas toda a serra de Meira sen resultados.

Ademais de tratar de localizala polo aire, un día máis varias decenas de persoas traballaron sen descanso por terra, percorrendo camiños, pistas e ata rozando a man algunhas zonas nas que puido caer.

Aos axentes da Garda Civil sumáronse voluntarios de Protección Civil de Meira e do GES da Pontenova, que están desde o primeiro momento cooperando no dispositivo. "Tamén nos enviaron reforzos dende Ribeira de Piquín e se achegaron á zona membros de Protección Civil da Fonsagrada", explicou o alcalde, quen agradeceu toda a axuda prestada por eles e, por suposto, "os veciños e toda a xente que se está a ofrecer na procura".

Ante a falta de pistas sobre o paradoiro de Oliva López, De Dios solicitou máis reforzos á Garda Civil. "Pedimos que nos mandasen varias motos que poidan acceder aos camiños con máis maleza", precisou, esperanzado en que hoxe poidan estar a rastrexar xa a zona.

O que si se espera, salvo que haxa algún cambio de última hora, é que acudan ata o lugar membros da unidade canina de Madrid. "Din que teñen cans especializados na procura de persoas mortas, e despois de tantos días e das baixas temperaturas, as esperanzas son nulas", concluíu.

Comentarios