Amigos do Camiño fará un paso de peóns humano para esixir máis seguridade viaria nas rutas xacobeas

A asociación lucense emprende este domingo no Pino unha campaña para alertar sobre os 75 puntos negros nas rutas que cruzan Lugo

A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo inicia esta fin de semana unha serie de actos simbólicos para alertar sobre a existencia de 75 puntos perigosos nos máis de 400 quilómetros das diferentes rutas xacobeas —camiños Francés, Primitivo e Norte— que atravesan a provincia de Lugo. Aínda así, o primeiro acto simbólico será no municipio coruñés do Pino, onde este domingo 28 pretende levar a cabo un 'paso de peóns humano'.

Con esta iniciativa, o colectivo pretende chamar a atención das administracións, co fin de que poñan as medidas de seguridade adecuadas para evitar que se repitan accidentes como o atropelo que, o pasado 7 de xuño, acabou coa vida dunha peregrina desta asociación, cando cruzaba por un destes puntos. O sinistro produciuse no cruzamento situado na N-547 ao seu paso pola parroquia de Arca, no Pino e, precisamente, é aí onde esta asociación iniciará a súa campaña, con cortes intermitentes da calzada, formando para iso un corredor humano que servirá de protección para os peregrinos que crucen nese momentoel lugar.

Paralelamente á acción de protesta que levarán a cabo este domingo, o colectivo Amigos do Camiño da provincia de Lugo tamén elaborou un dossier informativo, nos que aparecen reflectidos os 75 puntos conflitivos da ruta xacobea ao seu paso pola provincia. Este informe faranllo chegar aos responsables das distintas administracións titulares das diferentes vías, segundo explicou en rolda de prensa este xoves o presidente de Amigos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo, Ángel Trabada.

comentarios