A ambientación castrexa xa empeza a alagar Burela

O primeiro fin de semana de xullo máis de 1.000 persoas en 28 clans participarán na cuarta edición da Festa Castrexa
Desfile de clanes, el año pasado
photo_camera Desfile de clanes, el año pasado

A falta de menos de quince días para a celebración da cuarta edición da Festa Castrexa, Burela xa empeza a ambientarse. Onte empezaron a aparecer as primeiras bandeiras castrexas colgadas nos farois das principais rúas para ir avisando a burelenses e visitantes da proximidade dunha das celebracións máis multitudianrias na localidade.

O presidente da asociación de comerciantes, Rubén Pinín, confirmou onte que finalmente serán 28 os clans castrexos que participarán no desfile do venres, a maioría de Burela. "Ademais dos apuntados, sempre hai algún máis que acaba participando", puntualizou Pinín. Cunha media de trinta persoas, só os clans reunirán a máis de 1.000 persoas polas rúas da localidade, ao que haberá que sumar o resto de burelenses e visitantes que participan caracterizados e aqueles que se achegan a gozar do ambiente.

Todos os clans participarán nos Xogos Castrexos, previstos para o sábado pola mañá nas zonas habilitadas no porto e na praia do Portelo. Cada equipo estará formado por seis persoas que serán os encargados de realizar todas as probas. A organización entregará tres premios en metálico de 250, 150 e 100 euros e, ademais o primeiro clan clasificado recibirá o peso do seu xefe en vales de cervexa. A entrega de premios farase na sesión vermú, unha novidade que se inclúe no programa deste ano, e que correrá a cargo da orquestra Pontevedra.

Outro dos actos con máis asistencia da cita son as vodas castrexas, que se celebran á unha da madrugada. Este ano reunirán a quince parellas, entre elas a do alcalde, Alfredo Chairo e a súa muller, que renovarán os seus votos polo rito celta.

Tampouco faltarán as actividades xa consolidadas no programa como A busca do torques de ouro, actividade na que os clans deben seguir as pistas que lle leven a atopar a cobizada peza e que lles levará a conseguir os 1.000 euros. Tamén volverán verse os mercados castrexos e a hostalería volve apostar por servir menús castrexos. Ademais premiaranse as mellores caracterizaciones.

Unha das novidades deste ano é a creación do poboado castrexo na zona portuaria, onde os clans poderán reunirse e ter as súas cousas, para o que hai reservadas dez parcelas.

Comentarios