jueves. 02.04.2020 |
El tiempo
jueves. 02.04.2020
El tiempo

Alta costura

Durante a recente visita do presidente de Siria a España, o foco de atención non estivo tanto sobre este dirixente, senón sobre a súa dona. Lucindo elegantes modelos de alta costura, sería fácil confundila coa consorte dalgún político europeo ou americano; pero é a primeira dama dun país musulmán. Podería pensarse que se trataba dunha simple posta en escena para visitar unha nación occidental, como España. Ao fin e ao cabo, as clases dirixentes musulmanas son asiduas dos grandes centros comerciais máis exclusivos das capitais americanas e europeas. Calquera que se achegue nestas vacacións á Praza Vendome, en París ou a Sloane Square, en Londres, verá ringleiras de limosiñas de cristais escuros aparcadas en dobre fila. Os choferes agardan a que volvan moreas de mulleres ás que os empregados dos comercios cortesmente lles transportan paquetes con exclusivos perfumes ou reloxos e teléfonos móbiles con diamantes incrustados. Os prezos só están ao alcance dos membros das ricas dinastías dos países petrolíferos ou de ditadores que esquilman aos seus empobrecidos pobos. Independentemente da súa carga ideolóxica, a miúdo ultra-conservadora, todos comparten unha indisimulada admiración polo luxo e o consumismo occidental. Sen embargo, no caso de Siria o réxime é coherente. O pulcro traxe de gravata do presidente e o estiloso vestido da súa dona reflicten a raíz laicista do seu goberno, que mesmo vén de restrinxir o uso do velo musulmán no país. Máis de mil mestras foron expulsadas das escolas por ir ataviadas con esa vestimenta. Xa se producira anteriormente o mesmo impulso modernizador en países como Iraq, Xordania, Turquía ou Exipto pero, por diversas circunstancias, co paso do tempo, déronse pasos atrás. É indubidable que entre as clases populares aínda hai moita xente que quere aferrarse ao fundamentalismo relixioso. Pero réximes coma o sirio, negan calquera xustificación coránica para esixir que as mulleres oculten a cara. Desgraciadamente esta actitude non quere dicir que o goberno sirio sexa menos ditatorial que outros do mundo musulmán, pero sen dúbida no caso de ser muller hai moita diferencia entre eles. Por exemplo, coa veciña Arabia Saudí que vergoñentamente prohibe mesmo que elas poidan conducir un coche ou falar cun home en público. Ou nos países nos que o testemuño dunha fémina só vale a metade que o dun home ante un tribunal de xustiza. Se algún día chegase a democratización a este vasto dominio cultural islámico é máis probable que o faga en países coma Túnez ou Siria onde a idea da igualdade entre os cidadáns empeza por recoñecer que homes e mulleres teñen iguais dereitos e dignidade

Alta costura
Comentarios