Alonso cre que o R-28 aínda non está á altura

Fernando Alonso posa con el nuevo R-28 (EFE)
photo_camera Fernando Alonso posa con el nuevo R-28 (EFE)

O piloto español Fernando Alonso foi o centro dos obxectivos na presentación oficial do novo monopraza de Renault en París. Pero Alonso mostrouse cauto, e segundo el sincero, nas súas expectativas sobre o bólido. "Non está á altura", sinalou, incidindo en que á escuadra lle queda moito por facer se quere saír ben parada na clasificación mundial.

Alonso, que tivo a oportunidade de pór a proba o R-28 nos adestramentos do circuíto de Cheste, recoñeceu que por agora "non estamos á altura dos coches punteiros e o camiño que temos por diante é longo". Sinalou que, de ter que porlle nota ao coche neste momento "daríalle un 7 ou un 6. É mellor que o do ano pasado, pero ningún equipo queda a durmir e estamos a distancia".

A pesar de todo, o piloto asturiano incidiu en que o mes de febreiro é o importante, de cara á evolución definitiva do coche co que competirá no próximo mundial. "Comezaremos a incorporar novas pezas e a buscar velocidade para que estea preto dos equipos punteiros. Vai ser duro, pero pódese chegar. Dunha xornada de adestramentos a outra poden cambiar moito as cousas".

Alonso eloxiou, iso si, o traballo do equipo de cara a conseguir evolucionar o coche, e incidiu na necesidade de lograr empezar a tempada con bo pé. "O coche só rodou en Valencia e agora estamos a medio ou a un segundo da cabeza e ao final ten que ser menos, porque se non en Australia non imos conseguir nada. Temos que estar como moito a dous ou tres décimas dos coches de cabeza".

Obxectivo: o podio
Baixo a dirección do italiano Flavio Britore o equipo Renault F1 cambiou completamente para este ano, no que o obxectivo, será "loitar polo podio e gañar algunha carreira, porque o gañar campionatos é moi difícil, todos queren facelo", pero intentaremos repetir os éxitos de Fernando Alonso en 2005 e 2006.

O compañeiro de Fernando Alonso nas filas da escuadra francesa será o brasileiro Nelsinho Piquet, subcampión da GP2 tras o británico Lewis Hamilton en 2006. O ano pasado exerceu xa como piloto de probas en Renault e este ano debutará no mundial de Fórmula 1, título que o seu pai Nelson Piquet conseguiu en tres ocasións.

O obxectivo que se propón Nelsinho, de 23 anos, para a súa primeira tempada de Fórmula 1 é "sacar o máximo partido aos medios postos á miña disposición e facer un bo traballo para o equipo. Aínda teño moito que aprender e non menosprezo os moitos desafíos que representa a miña primeira tempada na Fórmula 1".

En canto ao coche, o novo R28 presentado hoxe non achegou nada novo ao coche xa visto o pasado 21 de xaneiro en Valencia onde Fernando Alonso iniciou as primeiras probas do mesmo. Os adestramentos continuarán a partir de mañá no circuíto de Barcelona.

Comentarios