Alonso confirma os peores presaxios tras o 'diluvio' de Monza

alonso_cenho_dentro.jpg
photo_camera alonso_cenho_dentro.jpg

Tras a tempestade que alagou durante a mañá o Autódromo Nacional de Monza, Kimi Raikkonen logrou o mellor tempo na xornada de adestramentos libres do Gran Premio de Italia. Pouco antes, Ferrari confirmaba que renovaría o contrato do piloto finlandés por unha tempada máis: ata finais de 2010.

E se Raikkonen foi a cara do día, Fernando Alonso converteuse na cruz. A renovación do finlandés apártao de Ferrari polo menos ata 2011, e en Monza confirmou os peores presaxios sobre o comportamento do R28 quedando antepenúltimo.

A anunciada choiva, que tamén acompañará sábado e o domingo, comezou a caer sobre Monza debilmente cando se iniciou a primeira sesión de adestramentos libres. Pero unha hora despois a noite parecía caer e comezou unha choiva torrencial que terminou por facer que os mecánicos se empregasen a fondo para achicar a auga que entraba nos garaxes.

Bo día para o finlandés
A primeira sesión de probas libres practicamente perdeuse e pouco antes de iniciarse a segunda chegaba o anuncio por parte da escuadra Ferrari da renovación de Raikkonen, que terminaba coas especulacións sobre o futuro vermello de Fernando Alonso.

Kimi celebraba a súa renovación obtendo o mellor tempo ao final da xornada con tan só 70 milésimas de vantaxe sobre o polaco Robert Kubica (BMW), seguido do seu compañeiro Nick Heidfeld.

O británico Lewis Hamilton (McLaren-Mercedes) -que tamén soubo este venres que o 22 de setembro verase o recurso do seu equipo contra a sanción dos comisarios deportivos do Gran Premio de Bélxica- terminou cuarto a pouco máis dunha décima e o brasileiro Felipe Massa (Ferrari), o seu máis directo rival polo título sexto.

A cruz de Renault
Nas poucas voltas que deu Fernando Alonso, antes e despois do diluvio, puido comprobar os problemas de motor e estabilidade do coche neste circuíto, polo que lle espera un fin de semana moi duro.

O único consolo para o asturiano, e para Renault, é que os seus principais rivais na loita polo cuarto posto no campionato do mundo de construtores non están moito mellor que eles. Toyota e Renault repartíronse os catro últimos postos na lista de tempos co alemán Timo Glock por diante de Fernando Alonso por unha décima de segundo.

O brasileiro Nelson Piquet quedaba no último posto logo de non poder concluír a sesión de probas debido a unha saída de pista.

Comentarios