Alfonso Blanco pregoará a Tasca do Liño de Insua

A cita, que cumprirá a súa novena edición o vindeiro día 28, xirará ao redor da música e incluirá charlas, exhibicións en vivo e un xantar
Alfonso Blanco
photo_camera Alfonso Blanco

O párroco Alfonso Blanco Torrado será o encargado de pregoar o vindeiro día 28 a novena edición da Tasca do Liño de Insua, unha cita organizada polas mulleres desta parroquia vilalbesa, que traballan arreo dende hai anos por recuperar e difundir este labor ancestral. A festa arrincará en torno ás 11.00 horas e, media hora máis tarde, chegará a inauguración co pregón, ao que lle seguirá unha táboa redonda que estará moderada polo rexedor de Vilalba, Agustín Baamonde, e na que se mesturará o traballo do liño coa música tradicional.

"Toda a feira xirará sobre este tema", indica Lourdes Otero, a presidenta da asociación de mulleres de San Bartolomeu, quen recorda que as antigas tascas e fías eran reunións que tiñan tanto de traballo coma de lecer e nas que non faltaban nin a música nin o baile.

Sobre esta cuestión falarán Alexandre Sotelino, pedagogo e mestre de baile tradicional; Xaneco Tubío, músico e luthier, e Luciano Pérez, luthier do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) da Deputación Provincial de Lugo. "A continuación, e se a xente está animada, abrirase un coloquio no que os asistentes poderán consultar ou expoñer as súas ideas", di Lourdes, esperanzada en que a actividade sexa exitosa.

Ademais da parte teórica, tamén haberá demostracións en vivo do traballo do liño a cargo da asociación organizadora, así como doutros artesáns que se achegarán a Insua para amosar aos visitantes o seu bo facer. "Temos confirmada a presenza do artesán da madeira Marcos Ladra e tamén virá un canteiro que está comezando, ademais de integrantes de Cabanas Rural e Bolboreta Fiandeira, que fan un traballo moi bonito, artesanía pura", engade a presidenta.

Os asistentes tamén poderán visitar durante toda a xornada diversos postos, nos que se porán á venda todo tipo de produtos feitos a man.

Como xa é tradición, os que o desexen terán ocasión de repoñer forzas cun xantar, no que se poderán anotar no teléfono 696.61.84.54 ata uns días antes, e que precederá ás actividades que se celebrarán na sesión de tarde. Así, está previsto que ás 16.30 horas dea comezo un concerto do grupo Cacharela de Covas e, sobre as 18.30 horas, chegará o turno de Pablo Carpintero, que deleitará os presentes coa súa música.

A festa chegará ao seu fin co broche de ouro, que correrá a cargo de Manuel Ferreiro, que será o encargado de facer o conxuro da queimada. "Co pequeno orzamento que temos e tirando de intercambios e amizades tratamos de facer o máximo. É unha xornada cultural que merece a pena coñecer", conclúe Otero, animando a xente a acudir o día 28 a Insua.

Comentarios