Alberto García: ''En lugares como Galicia a crise sempre existiu e é moi boa para a creatividade''

P ¿Un sinónimo de Galicia?
R
Melancolía.

P ¿Como naceu o filme ‘O quinto evanxeo de Gaspar Hauser’?
R
Comezou cunha subvención do Agadic. A película está baseada na lenda de Gaspar Hauser. Intereseime polo misterio que rodeou este personaxe alemán, sobre todo desde o punto de vista da linguaxe.

P ¿Onde a rodou?
R
A película foi rodada integramente en Galicia, entre Os Ancares e Campo Lameiro.

P ¿Foille doado todo o proceso de elaboración da cinta?
R
A rodaxe foi moi experimental, porque eu só fixera unha curta antes disto. Utilicei cinco personaxes e gravei en analóxico, coas dificultades que iso carrexa, pois non se previsualiza o gravado.

P ¿Pode contar algo do filme?
R
Está composto de sete capítulos que, con ironía e sarcasmo, falan dun sistema de categorías.

P ¿Como ve a arte en Galicia?
R
Hai once anos que non vivo en Galicia pero sei que hai moito talento malia a crise. En lugares deprimidos, abandonados historicamente, a crise sempre existiu e é moi boa para a creatividade.

 

Alberto García


Nado en Ferrol en 1978, é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo

Microfugas, unha curta que realizou en 2008, foi a súa primeira incursión no cine

Agora debuta coa súa primeira longa, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser, que se estreará no Festival de Cinema de Rótterdam

Comentarios