Polo menos 31 nenos morren en Colombia ao incendiarse o autobús no que viaxaban

Polo menos 30 nenos e un adulto morreron calcinados ao incendiarse este domingo o autobús en que viaxaban na localidade de Fundación, no departamento de Magdalena, norte de Colombia, informaron fontes oficiais.

O director da Defensa Civil de Magdalena, maior Eduardo Velez Soto, dixo por teléfono a Efe que, segundo as informacións que lle entregou a Fiscalía, "temos 31 mortos", dos cales 30 son nenos e un adulto. A cifra foi crecendo co  paso das horas, xa que primeiro falouse de cinco falecidos e despois, de dezaseis.

Ao decatarse da traxedia, o presidente colombiano, Juan Manuel Santos anunciou que viaxaría de inmediato a esa localidade.

"Neste momento trasládome a Fundación, Magdalena, para acompañar ás vítimas desta terrible traxedia. O país está de loito", escribiu Santos na súa conta de Twitter.

O mandatario, que hoxe estaba no peche da súa campaña electoral en Bogotá, agregou que sente unha "dor inmensa de pai e colombiano ante traxedia dos nosos nenos en Fundación".

Previamente, o xeneral Rodrigo González, comandante da Rexional 8 da Policía, informara aos medios locais que 30 nenos morreron incinerados dentro do autobús que os transportaba de regreso ás súas casas tras asistir a unha celebración dominical dunha igrexa evangélica.

Segundo as primeiras versións, os nenos asistiran a un culto adventista e cando regresaban a Fundación produciuse o incendio do vehículo no que viaxaban por causas que se investigan.

Segundo os medios locais, o incendio puido haberse ocasionado polo transporte de gasolina de contrabando en bidóns plásticos dentro do vehículo, unha práctica sumamente perigosa pero común nesa rexión de Colombia, segundo denunciou numerosas veces a Policía.

Comentarios