Ao cine por só tres euros!

Entrega de diplomas en Lourenzá (Foto: AMA)
photo_camera Entrega de diplomas en Lourenzá (Foto: AMA)

O CINE, a sétimo arte, está de parabén na comarca mariñá. O bo entendemento entre os Multicines Cinelandia de Ribadeo e El Progreso fixo posible que este sábado, 9 de marzo, todos os que leven o cupón que virá co suplemento da Mariña teñan a oportunidade de ter un desconto do 50% nas entradas do cine. É dicir, o cine a 3 ¡euros!

Esta é a oferta que ofrece o diario e os cines. Neste caso, as películas que se poderán ver, en tripla sesión, serán ‘Oz, un mundo de fantasía' e ‘Hansel e Gretel: cazadores de bruxas'. Son dous das películas do momento. De feito, ‘Oz', que se estrea xusto o venres, é unha das cintas máis esperadas para este 2013.

As películas poderanse ver en primeiro pase ás 18.00 horas, en segundo pase ás 20.30 horas e o último será ás 23.00 horas. Trátase dunha oportunidade de ouro para volver gozar do cine a un prezo do século pasado.

Para ter acceso ao desconto, só falta con presentar o cupón recortado cando se vaian a adquirir as entradas de cine. é entón cando se fará o desconto. Hai que recordar que só valerá un cupón por cada entrada.

Os cines de Ribadeo posúen a última tecnoloxía. Coa adquisición de proxectores dixitais, conseguiron mellorar a imaxe, o son, e ademais permite aos afeccionados ter acceso ás películas o mesmo día da súa estrea, como é neste caso con Oz, ‘un mundo de fantasía', que se estrea en toda España, e tamén en Ribadeo, mañá.

O Recuncho de Anita de Foz recibirá o premio Prato de Ouro

A casa rural e restaurante O Recuncho de Anita, situada na parroquia focense de Marzán, é unha das empresas seleccionadas este ano para recibir os premios Prato de Ouro que entrega Radio Turismo a restaurantes e casas de turismo rural de Galicia. Aproveitando a celebración esta semana do certame Xantar en Ourense, farase entrega destes premios, que distinguen aos mellores na súa modalidade.

Lourenzá entrega 50 diplomas do curso de benestar animal

O Concello de Lourenzá fixo entrega onte, a través da alcaldesa Emma Álvarez, dos certificados de dous cursos sobre benestar animal celebrados na localidade e do que foron beneficiarios 50 persoas. Os participantes recibiron o diploma e a acreditación correspondente nesta materia, co o que poderán traballar en granxas ou matadoiros. Os cursos foron organizados entre o Concello e Asaja.

O IES DE FOZ FORMA E ASOMBRA
Dous alumnos participan no certame de Pontedeume e o resto visita Cafento

 

A práctica é a base do éxito; esta é unha premisa que teñen moi claro desde o IES de Foz, onde sempre apostaron por unha formación directa e moi relacionada co ámbito profesional. Un exemplo diso son as dúas últimas iniciativas do instituto, que por unha banda participa nun prestixioso certame en Pontedeume con dous alumnos seus, e polo outro organizou unha visita á fábrica de Cafento.

Lucía Lema e Pablo Domínguez participan hoxe no décimo cuarto concurso de cociña Xosé Rodríguez-Moldes Rei de Pontedeume, no que toman parte todos os centros de hostalería de Galicia. Os alumnos disporán dunha hora e media para elaborar un arroz con leite e un prato de creación propia que, iso si, debe conter o boliche da tenreira galega como ingrediente principal. Desde o instituto deséxanlles moita sorte aos dous.

Doutra banda, un grupo de 25 alumnos de primeiro e segundo curso do ciclo medio de servizos visitaron as instalacións de Cafento, situadas na localidade asturiana de Tineo, unha sede na que xa traballan moitos ex alumnos do instituto.

O Vilar Ponte doa a Cáritas o diñeiro da venda de produtos de Entroido

O director do Ies Vilar Ponte de Viveiro, Marcelino García Suárez; o xefe do departamento de relixión, Francisco Janeiro, e os alumnos que venderon produtos de Entroido, entregaron onte a Antonio Ferreiro, presidente de Cáritas no municipio, un cheque co diñeiro recadado. A contía lograda coa iniciativa destinábase outros anos a apadriñar a un neno; pero nesta ocasión decidiron doar os fondos á organización benéfica para paliar as necesidades de moitas familias do concello.

Comentarios