Hernández releva a próxima semana a Currás como alcalde de Santiago

A Ángel Currás (PP) quédanlle escasas xornadas como alcalde de Santiago, posto que a semana próxima, previsiblemente luns ou martes, celebrarase o pleno que converterá en alcalde a Agustín Hernández.

Este é a mensaxe que hoxe trasladou o primeiro, nunha conferencia de prensa na que resumiu os acordos adoptados na última sesión da xunta de goberno e onde confesou que deixa o mando cun "sentimento agridoce" polas circunstancias que levaron á dimisión por imperativo legal de sete concelleiros e á saída voluntaria doutros dous imputados no caso Pokemon.

A Xunta Electoral Central (XEC) acordou este mércores desestimar as alegacións do BNG e do PSdeG no Concello de Santiago e expedir as credenciais de concelleiras a sete persoas que non ían nas listas do PP nas eleccións de maio de 2011.

Deste xeito, unha vez cheguen as credenciais ao Concello de Santiago poderase convocar o pleno para que os novos concelleiros tomen posesión e o actual alcalde, Ángel Currás, faga efectiva a súa renuncia.

Neste mesmo pleno, será substituído por Agustín Hernández, ata hai dúas semanas conselleiro na Xunta e que pechaba a lista electoral do PP en Santiago en 2011.

Hai un mes un xulgado de Santiago condenaba a sete edís do grupo de goberno en Santiago por prevaricación, tras o que abandonaron a corporación e a eles sumáronse a outros dous edís do seu partido imputados na operación Pokemon e que deixaron o consistorio pola súa vontade.

Para substituílos, varios candidatos da lista do PP renunciaron, menos dous; entre eles o propio Hernández, e este partido propuxo a sete persoas que non concorreron aos comicios locais para substituílos.

O PSdeG e o BNG decidiron, cun resultado infrutuoso, recorrer a designación destas sete persoas non electas como futuros concelleiros e pediron á XEC que non lles concedese a credencial, xa que consideraban inconstitucional a medida que se ía a adoptar.

Comentarios