Agustín Fernández ve no atraso da aplicación do canon un ''adiamento trampa''

O alcalde de Ourense, o socialista Agustín Fernández, considerou hoxe o atraso na aplicación de subida do canon de Sogama un "adiamento trampa", e mantivo que o incremento seguirá sendo do "34%" fronte ás últimas cifras contempladas polo goberno da Xunta.

A Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) pecharon un acordo polo que a aplicación da suba atrásase ata o 1 de xullo de 2014, unha medida que o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández aclarou que permitirá aos concellos asumir en 2014 "un incremento do 17% en lugar do 34% inicialmente previsto".

En declaracións realizadas aos medios, o alcalde de Ourense subliñou que este adiamento, por seis meses, na práctica "supón que a subida segue sendo o 34%, de xeito evidente desproporcionada, só que se distribúe en dous anos".

"O custo segue sendo o mesmo", advertiu Fernández, que atribuíu este adiamento a un intento da Consellería "de aparentar que o custo para os veciños e Concello é menor".

O alcalde de Ourense manifestou que o que hai que preguntarse é "se Sogama está a facer ben as cousas, se a xestión é a máis adecuada, se se debe trasladar aos veciños os beneficios que poida ter Sogama no futuro e, a partir de aí, falar dunha adecuada xestión do servizo".

Comentarios