Aguirre, a transgresora antisistema

DESPROPORCIONADO, di. É posible, aínda que ela mesma alimentara a bóla de neve, pois en vez de aceptar o erro e pedir desculpas por unha arroutada, sen máis, o seu argumento foi arremeter contra todo o que se movía para protexer o seu cuestionado comportamento. Desde logo foi ben pouco exemplarizante a actitude de Esperanza Aguirre, pois que alguén leve por diante unha moto dun policía que lle impón unha sanción non é paradigma de actuación, e menos unha persoa pública. Resistíame a escribir sobre a expresidenta madrileña porque cría que no pecado xa levaba a penitencia, pero incidir agora en que se trata dun suceso menor, de ámbito privado, iso si que non é admisible, porque o problema non é aparcar mal, senón a actitude diante dos policías e posterior fuga. Porque se quen debe defender un modelo se volve transgresora, isto convértese nunha selva.

comentarios