? Esperanza Aguirre: ''Os premios Goya convertéronse nunha gala contra o PP''

A presidenta do PP de Madrid, Esperanza Aguirre, recordou hoxe ao mundo do cine que os actores "non son o máis importante" que ten o Ministerio de Educación e Cultura, "nin moito menos", senón que hai profesionais "máis importantes para a vida" que merecen a súa atención, como científicos e investigadores.

En declaracións á Cope, Aguirre defendeu a ausencia onte á noite do ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert, nos Premios Goya, porque "non é necesario" ir a unha gala para ser apupado.

Recordou, neste sentido, que, cando ela era ministra de Educación e Cultura, foi apupada nunha gala dos Premios Max de Teatro. "Decidín non volver, e non volvín", resolveu, asegurando que "non está no soldo" aguantar apupos, e si "facer todo o posible para que mellore a calidade do cine, do teatro ou da literatura".

"Creo que nese Ministerio hai que pór o acento neses profesionais que son moito máis escuros que os actores, e que poden ser máis importantes nas nosas vidas, como os científicos que investigan o cancro ou os grandes físicos. Ese Ministerio é moi amplo", dixo, antes de engadir que os actores de cine "non son o máis importante que ten Wert, nin moito menos".

Aguirre criticou tamén que os Premios Goya se converteron nunha gala "contra o PP" e recordou que nos anos nos que gobernou José Luís Rodríguez Zapatero non se apupaba a ningún ministro.

Comentarios