A agrupación de Protección Civil de Vilalba realizou 915 intervencións en 2015

Os voluntarios colaboran co Banco de Alimentos e asumen a atención aos peregrinos, ademais de dar resposta a emerxencias

Protección Civil de Vilalba realizou en 2015 un total de 915 intervencións, que suman preto de 4.500 horas de actuación, tal e como explicou o seu coordinador, Pepe Franco, quen recorda que estes datos se extraen dos partes de traballo diario.

A repartición solidaria de alimentos e os labores de prevención e formación supoñen a metade das actuacións de 2015, cunhas 250 intervencións en cada caso. A elas únense a autoprotección escolar (180), traballos relacionados co medio ambiente (63) ou de apoio en concentracións humanas (23), ademais de chamadas derivadas das condicións metorolóxicas, como xeadas, nevadas, vento, inundacións ou seca, que suman 93 intervencións.

As urxencias completan a lista de saídas de Protección Civil, que prestou axuda en nove incendios urbanos, un industrial e 16 forestais; en seis aperturas de portas, un accidente laboral e once de tráfico e en dúas verteduras contaminantes.

Os voluntarios encárganse tamén da atención aos peregrinos no albergue e ao seu paso polo municipio. Segundo os seus datos, polo Camiño Norte pasaron o ano pasado 3.774 persoas.

FUNCIONAMENTO. A agrupación vilalbesa, operativa as 24 horas, ten dúas organizacións diferenciadas, a de voluntarios, composta por tres grupos cunha quincena de membros cada un, e o denominado Servizo Municipal de Protección Civil, formado por tres capataces contratados polo Concello, que traballan a quendas e son os encargados de atender as urxencias.

Desde a súa creación en 1999, os membros de Protección Civil foron mellorando a súa formación en distintas disciplinas. En 2015 apostouse por crear un grupo de procura e rescate con dez voluntarios, ademais de iniciar o adestramento de dous cans.

Comentarios