Agromuralla quere manter a tractorada ata que a industria suba prezos

A asociación de gandeiros Agromuralla reiterou este venres a súa intención de manter a iniciativa ata conseguir a subida de dous céntimos de euro por litro de leite por parte da industria. 

"A nosa intención é manter a protesta ata que teñamos noticias da industria" sobre "se vai haber esa subida ou non", indicou un dos portavoces de Agromuralla, Roberto López. 

Algunhas cadeas de distribución agroalimentaria comprometéronse a favorecer unha subida do prezo do leite para mellorar a situación dos gandeiros. 

Nese sentido, o portavoz de Agromuralla precisou que a partir do día 20, cando os gandeiros comecen a recibir os pagos correspondentes ao mes pasado, comprobarán se realmente o compromiso adquirido aplícase.

"Non ten por que ser o día 20, se nolo trasladan antes, levantariamos antes" a protesta, dixo López, quen advertiu de que de momento non ve indicios desa vontade. 

O representante da asociación Agromuralla observou que de momento non tiveron contacto algún que exprese vontade de cumprir o compromiso anunciado. "Non recibimos ningunha comunicación para ter que levantar" a mobilización de tractores, dixo López.

Comentarios